Inclusión social e laboral de mozos.
Descrición
O proxecto do Obradoiro Profesional de Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) de AUXILIAR DE SERVIZOS EN RESTAURACIÓN é un recurso fóra do ámbito escolar formal para que mozos e mozas con dificultades e que non remataron a ESO, poidan lograr a súa inserción sociolaboral e teñan a oportunidade de poder continuar estudando accedendo aos Ciclos Formativos de Grao Medio, ou ben poder obter o Graduado Escolar. Ademais, a través das prácticas en empresas e o seguimento e acompañamento individualizado que se realiza con cada alumno e alumna, preténdese que teñan a súa primeira experiencia no mundo laboral e, deste xeito, facilitarlles a busca do seu primeiro contrato. Todos os destinatarios son mozos e mozas entre os 16 e os 21 anos.
O equipo educativo do proxecto está formado por 3 educadores e educadoras.
Obxectivos
- Obter as competencias básicas para a continuación de estudos nas diferentes ensinanzas.
- Desenvolver e afianzar a madureza persoal mediante hábitos de traballo en equipo e a adaptación ao contexto laboral.
- Favorecer a inserción laboral cualificada e satisfactoria nun ámbito profesional.
- Achegar a formación ás características e demandas do sistema produtivo.
Actividades
As áreas e módulos de intervención educativa son:
- Módulo de Desenvolvemento das Competencias Básicas: mediante diferentes unidades didácticas, desenvólvense as materias de matemáticas, lingua, sociais e naturais.
- Módulo para favorecer a transición ao mundo laboral: dando a coñecer os recursos para a orientación e adaptación profesional, e temas como a inserción sociolaboral e as condicións de traballo e seguridade.
- Módulos específicos: impártense coñecementos, habilidades e destrezas básicas para o desenvolvemento da profesión de Auxiliar de Servizos en Restauración. Unha parte fundamental nestes módulos son as prácticas en empresas titorizadas, orientadas a posibilitar a incorporación laboral do alumnado.
- Titoría.
- Actividades extraescolares: excursións, obradoiros…






